Saturday 18 de May de 2024

Laura Novelle fala da súa novela Todo lo que he callado ante o público pobrense


O público pobrense tivo a oportunidade de coñecer máis polo miúdo Todo lo que he callado, o novo libro de Laura Novelle. Trátase dunha novela de ficción que mestura o thriller policial e o romance cunha trama cun potente fondo histórico. Cunha xa considerable produción literaria, a autora achega aquí a historia de León Cantud, un membro da policía científica dedicado ós labores administrativos a quen lle cambiará a vida a investigación dun caso.
A escritora centrou o seu discurso no proceso creativo e de edición desta nova obra. Durante o acto que tivo lugar na tarde deste 19 de xaneiro no Auditorio do Museo Valle-Inclán, estivo arroupada pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e por María José Pacheco Etchevers, mestra xubilada, licenciada en Xeografía e Historia. O toque musical correu a cargo de María Fernández Sandoica.
Durante a súa intervención, a edil referiuse á vitalidade literaria da que goza a localidade con presentacións mensuais, ás veces máis dunha coma neste xaneiro. De feito, Lojo apuntou que en xuño do 2022 participara no acto de Cuando me digas te quiero, o anterior libro de Novelle, tamén cun compoñente sentimental, polo que “se constata unha predilección de Laura por introduci-lo romance, sen que sexa a temática predominante, pero que si se pode apreciar na lectura dos seus últimos traballos.” En consecuencia, expresou que “a literatura permítenos non só desfrutar do argumento, do contido do relato, senón que tamén coñece-la persoa que hai detrás das verbas plasmadas no papel porque, en maior ou menor medida, cando alguén escribe está a falar de si mesmo, de si mesma, porque fala dende as súas propias vivencias”, o cal tamén se pode observar en 39 escalones con vistas al mar, unha autobiografía, ou Sobrevivir al Trabajo de Fin de Grado en Humanidades y Ciencias Sociales. Todo lo que necesitas saber, un ensaio dirixido á comunidade universitaria.